IES de Melide (Melide)

PRESENTACIÓN DO ALUMNADO DO IES DE MELIDE

Talleres Documentales

Somos  alumnas e alumnos de 1º e 2º de ESO do IES de Melide (A Coruña). Somos un grupo moi numeroso, cincuenta  rapazas e rapaces de sete aulas diferentes, polo que traballamos organizados en distintos grupos e ao sermos tantos, non é fácil.

Melide é considerado o Cerne de Galicia, porque estamos máis ou menos no centro, e pola nosa vila pasa o camiño de Santiago, polo que estamos moi acostumados aos peregrinos.

No instituto xuntámonos rapazas e rapaces de a tres concellos diferentes: Melide, Toques e Santiso, e os que vivimos nas parroquias máis afastadas aínda pasamos un bo anaco no transporte escolar. Moitos dos que vivimos fóra da vila, vivimos do campo e temos explotacións  gandeiras, polo que nos gustan os animais e estamos acostumados a eles. Á maioría gústannos os deportes, sobre todo o fútbol, pero tamén outros deportes menos coñecidos como a esgrima, a loita olímpica ou o kick-boxing, especialidade na que temos unha campioa mundial. Bastantes de nós estudamos música e tocamos en bandas e outras agrupacións.

Neste curso no instituto estamos a traballar co cine coordinados pola biblioteca, baixo o lema Un ano de Película. Non é a primeira vez que tentamos achegarnos ao mundo do cine. Dende hai varios anos temos unha emisora de radio e unha pequena canle de televisión, Falamelide. Tamén facemos  outras actividades extraescolares como actividades deportivas, teatro, revista, actividades musicais, club de lectura en diferetes idiomas, cineforum, xogos populares e moitas viaxes culturais.

Aínda non temos escollido un tema concreto de traballo en Cine en Curso, pero quizais poidamos aproveitar a circunstancia de que na vila e o instituto Melide hai varias persoas vinculadas a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e no propio centro podemos dispoñer dunha chea deles: a ra, a chave, a porca, as bolas... que con frecuencia practicamos.

Que nunca vos falte un soño polo que loitar, un proxecto que realizar, perseveranza para seguir adiante, e valentía para superar sempre os vosos límites...

Os nosos mellores desexos para o 2014.