CEIP A Rúa (Cangas)

Presentación de "Deixando atrás" no Cgai

Tallers Documentals

Ola, bos días a todos e todas. Estamos felices de compartir con vós a estrea no CGAI do noso documental. Cando nos deron a noticia de participar en Cine en curso foi emocionante; moi poucos nenos teñen a oportunidade de facer cine e traballar cun cineasta! Algúns, cando empezamos a gravar, tiñamos dúbidas, parecíanos complicado... pero, despois de visionar moitos fragmentos de documentais e realizar prácticas de rodaxe, sentímonos máis seguros.

Dende o primeiro día comezamos a filmar e seguimos filmando ó longo de todo o curso. Lembramos planos do mundo realmente incribles dos nosos compañeiros/as: o solpor de Dani, o das rochas de Xoel, o travelling de popa de Adri e Xaime, o da chuvia de Roque, o retrato da avoa de Lena, os ceos das nosas nubistas... Moitos destes planos serviron de inspiración para o noso documental.

Cos cineastas aprendemos a facer retratos de mirada, sen palabras, dando importancia á persoa, no lugar que a identifica; a retratala amosando os seus obxectos, partes do seu corpo, a súa voz, o seu espazo favorito. E nos diarios de espazos, a darlle valor ó son ambiente e ó silencio, a elixir a hora (algún de nós erguémonos ó amencer para gravar), ó movemento de cámara, ás liñas de fuga, ...é dicir, a rodar con intención. O noso documental ten moito de:Guest, de Guerín. O travelling dende a ventá do barco para expresar a partida dos emigrantes, cando deixan todo atrás. Buscabamos un día gris, para amosar a tristura da despedida.News from home, de Chantal Akerman. Levounos a incluír o off das cartas no documental. Akerman facía unha lectura moi rápida, fría. Nós queriamos unha lectura tranquila, lenta, algo máis emotiva. Ten skies, de Benning. Queriamos incluír nubes no noso documental en sinal de tristura. Como di o poeta Juan Ramón Jiménez: “Los nubarrones tristes le dan sombras al mar”

Para poñernos na pel dos emigrantes serviunos de moito a documentación. As fotos de Alberto Martí, as poesías de Rosalía de Castro (Adiós ríos, adiós fontes e Pra a Habana) e de Juan Ramón Jiménez (Diario de un poeta recién casado) axudáronnos a comprender o que podían sentir ó partir. Emocionounos conversar con persoas que viviron a emigración e ler as súas cartas.

O noso guión foi elaborado a partir de ideas visuais que xurdiron de poemas, planos de cineastas, planos de compañeiros/as, fotos de arquivo ...O paso seguinte foi decidir onde rodalas. Gravamos nos portos de Cangas e Vigo, no barco de pasaxe, en Cabo Home, na praia de Massó. Por último decidimos entre todos e todas as fases do noso documental.Nunha primeira parte, amosar a partida, a despedida; nun segundo momento centrarnos na travesía e no que deixaban atrás; na terceira parte terminar dunha forma máis emocional e poética, moi inspirados no poema XXXVII de Juan Ramón Jiménez.

Queriamos transmitir a dureza da emigración, da separación dos seres queridos, a morriña dos emigrantes, a emoción das cartas, a importancia da familia. Privilexiamos a expresión das emocións a través de abundantes diarios de espazos. A nosa idea era suxerir con imaxes. Non retratamos directamente ós emigrantes senón a través das súas cartas, do que nos contaron os seus familiares e das fotos.

Todo isto levounos a tomar decisións formais de: Cor: gris, para expresar tristura, morriña, dor, pena, medo,anguria, soidade, monotonía, “vacío”, nada...

Luz: queriamos nubarróns, para rodar con menos luz. Por iso preferiamos rodar ó solpor.Perspectiva: buscabamos filmar o horizonte infinito para dar a sensación de profundidade, de lentitude, monotonía, perdidos na nada.Movementos de cámara: escollemos os travellings para dar sensación de partida, de deixar todo atrás.Son: Queriamos que soase a serea porque nos contaron que sentían medo ó escoitala por se non volvían ver ós seus familiares. E tamén que se escoitase o mar, porque era o son que eles oían durante as longas travesías. En canto ó off, foi difícil escribir o texto onde resumimos o máis relevante que nos explicaron da emigración e tamén elixir os fragmentos das cartas. Era case imposible conseguir silencio para gravalos.

A rodaxe foi agotadora pero divertida, sorprendente. Houbo momentos máxicos como o plano das maletas no peirao. Non se achegaban as gaivotas, tivemos que poñer pan e conseguimos o noso obxectivo. Foi moi emocionante! Por desgraza, este é un dos planos que perdemos. Tamén andamos ás carreiras, tivemos que correr para poder gravar ó Queen Victoria porque saía en 10 minutos e logo para coller o barco de volta a casa. O plano da sala de embarque da Estación marítima pareceunos especial porque hai moita diferenza en velo agora baleiro e silencioso e antes cheo de emigrantes apenados.Na montaxe foi moi difícil decidir entre uns planos e outros. Tiñamos uns 50! Tivemos a sorte de poder ir rodar de novo despois de montar para recuperar algúns que perdemos. Ó final como o noso documental era moi longo, houbo que recortar varios planos.Coa nosa experiencia en Cine en curso aprendemos:

  • A traballar en grupo. Cooperando, tomando decisións por consenso, imos mellorando entre todos e todas.
  • A confiar nas nosas posibilidades e pensar que podemos facer cine sendo uns nenos.
  • A ter paciencia, saber esperar, escoitar, ver.
  • A sentir emocións retratando ás persoas, empatizando con elas, dándolle valor ó cotiá.
  • A observar o cine dende outro punto de vista, valorando o esforzado traballo dos equipos de cine e fixándonos en como foron rodadas as películas.

Para despedirnos, queremos agradecer a Cine en curso esta oportunidade, ás profes por axudarnos, a Ángel por acompañarnos en todo o proceso e a todas as persoas que colaboraron connosco.