Traballamos da man de Ángel Santos Touza
O mércores 26 de novembro tivemos a primeira sesión de cine acompañados polo noso cineasta, Ángel Santos Touza. Foi xenial. Queremos compartir convosco as experiencias desta interesante xornada.
Primeiro visionamos algúns dos nosos travellings e diarios de espazos e tamén fragmentos de autor/a. Neste exemplo que vos amosamos de seguido, establecimos similitudes entre Diary de Perlov e o diario dos espazos de Sheyla, dende a ventá da súa habitación.
Visionamos Diary, de Perlov
Fixámonos en como grava e que di.
Grava o que se ve dende a súa ventá. Podes gravar nun mesmo sitio a distintas horas. Os créditos son sinxelos. Debemos evitar engadir música nos créditos, con escribir ou unha voz en off é suficiente.
Diario de espazos, de Sheyla
Sheyla poido tomar a decisión, como Perlov, de gravar dende a súa ventá pero máis atrás, véndose o marco da ventá. Tomou a decisión de que non se vise o marco.
“Era un plano máis longo pero corteino, quería que aparecese o movemento, os coches que pasaban”. (Sheyla)
Sería interesante que Sheyla gravase un texto como o de Perlov que acompañe ó seu diario.
Fotograma do diario dos espazos de Sheyla
Ángel deunos uns CONSELLOS PARA RODAR que nos están sendo moi útiles:
- Gravar con intención: que queremos gravar, onde, a que hora, como… Nos travellings pensar previamente onde empezar e onde terminar.
- Sempre é mellor rexistrar o son do lugar que engadir música despois na montaxe. Así os sons poden falarnos dese espazo ou outros espazos cercanos.
- Se gravamos moito, logo facer unha selección da parte que nos interese.
- É interesante levar sempre a cámara con nós por se atopamos algo que nos chame a atención. Se non a levamos, podemos quedarnos coa idea do plano e volver outro día para grabalo.
- Podemos gravar os créditos con voz en off indicando lugar, hora, inspiración, sensacións…
Despois chegou o momento máis divertido, rodar o diario de espazos do colexio. Organizámonos por grupos porque somos 25 alumnos/as en 5º.
Rodamos dende o noso colexio ou en espazos que están próximos ó mesmo: a carballeira de Franco, na pasarela da Cruz pola que moitos alumnos/as chegan ó colexio e na praia de Rodeira.
Mentres uns rodabamos acompañados de Ángel ou das profes Rosana, May e Ana, o resto do grupo fixo actividades paralelas na aula: comentar os travellings de Pol e Bruno da Escola de Bordils (fixemos un comentario no blog), ver e comentar os diarios de espazos que os nosos compañeiros/as ían facendo, gravar o audio dos créditos.
Fotograma de Os eucaliptos
Grupo de rodaxe: Sarai-Elia-Xoel-Mar-David
Elia gravou, Mar fixo o making of, Sarai foi a apuntadora, David aguantou o caderno e Xoel contou os segundos.
O video realizouse ás 11:58. Escóitanse os paxaros, os nenos, os coches…
Escollimos o plano porque era un lugar preto do cole. Os eucaliptos eran moi bonitos e o contraste da luz tamén. Fixemos un círculo e os eucaliptos quedaron ó redor. Gustounos moito facelo.
Comentarios da clase:
- Parécenos moi bonito.
- Parece que o sol entra só por un lado.
- Parece un redondel de árbores.
- Os ruidos tamén son bonitos.
Agora estamos moi ilusionados con ter tempo no Nadal para seguir filmando e imos atrevernos cos retratos. A ver que tal nos vai. En canto teñamos editadas algunhas das nosas filmacións, compartirémolas con vós.
Bo Nadal a todos e todas dende Galicia!