CEIP A Rúa (Cangas)

Presentación de "Deixando atrás" no Cgai

Tallers Documentals

Ola, bos días a todos e todas. Estamos felices de compartir con vós a estrea no CGAI do noso documental. Cando nos deron a noticia de participar en Cine en curso foi emocionante; moi poucos nenos teñen a oportunidade de facer cine e traballar cun cineasta! Algúns, cando empezamos a gravar, tiñamos dúbidas, parecíanos complicado... pero, despois de visionar moitos fragmentos de documentais e realizar prácticas de rodaxe, sentímonos máis seguros.

Dende o primeiro día comezamos a filmar e seguimos filmando ó longo de todo o curso. Lembramos planos do mundo realmente incribles dos nosos compañeiros/as: o solpor de Dani, o das rochas de Xoel, o travelling de popa de Adri e Xaime, o da chuvia de Roque, o retrato da avoa de Lena, os ceos das nosas nubistas... Moitos destes planos serviron de inspiración para o noso documental.

Cos cineastas aprendemos a facer retratos de mirada, sen palabras, dando importancia á persoa, no lugar que a identifica; a retratala amosando os seus obxectos, partes do seu corpo, a súa voz, o seu espazo favorito. E nos diarios de espazos, a darlle valor ó son ambiente e ó silencio, a elixir a hora (algún de nós erguémonos ó amencer para gravar), ó movemento de cámara, ás liñas de fuga, ...é dicir, a rodar con intención. O noso documental ten moito de:Guest, de Guerín. O travelling dende a ventá do barco para expresar a partida dos emigrantes, cando deixan todo atrás. Buscabamos un día gris, para amosar a tristura da despedida.News from home, de Chantal Akerman. Levounos a incluír o off das cartas no documental. Akerman facía unha lectura moi rápida, fría. Nós queriamos unha lectura tranquila, lenta, algo máis emotiva. Ten skies, de Benning. Queriamos incluír nubes no noso documental en sinal de tristura. Como di o poeta Juan Ramón Jiménez: “Los nubarrones tristes le dan sombras al mar”

Para poñernos na pel dos emigrantes serviunos de moito a documentación. As fotos de Alberto Martí, as poesías de Rosalía de Castro (Adiós ríos, adiós fontes e Pra a Habana) e de Juan Ramón Jiménez (Diario de un poeta recién casado) axudáronnos a comprender o que podían sentir ó partir. Emocionounos conversar con persoas que viviron a emigración e ler as súas cartas.

O noso guión foi elaborado a partir de ideas visuais que xurdiron de poemas, planos de cineastas, planos de compañeiros/as, fotos de arquivo ...O paso seguinte foi decidir onde rodalas. Gravamos nos portos de Cangas e Vigo, no barco de pasaxe, en Cabo Home, na praia de Massó. Por último decidimos entre todos e todas as fases do noso documental.Nunha primeira parte, amosar a partida, a despedida; nun segundo momento centrarnos na travesía e no que deixaban atrás; na terceira parte terminar dunha forma máis emocional e poética, moi inspirados no poema XXXVII de Juan Ramón Jiménez.

Queriamos transmitir a dureza da emigración, da separación dos seres queridos, a morriña dos emigrantes, a emoción das cartas, a importancia da familia. Privilexiamos a expresión das emocións a través de abundantes diarios de espazos. A nosa idea era suxerir con imaxes. Non retratamos directamente ós emigrantes senón a través das súas cartas, do que nos contaron os seus familiares e das fotos.

Todo isto levounos a tomar decisións formais de: Cor: gris, para expresar tristura, morriña, dor, pena, medo,anguria, soidade, monotonía, “vacío”, nada...

Luz: queriamos nubarróns, para rodar con menos luz. Por iso preferiamos rodar ó solpor.Perspectiva: buscabamos filmar o horizonte infinito para dar a sensación de profundidade, de lentitude, monotonía, perdidos na nada.Movementos de cámara: escollemos os travellings para dar sensación de partida, de deixar todo atrás.Son: Queriamos que soase a serea porque nos contaron que sentían medo ó escoitala por se non volvían ver ós seus familiares. E tamén que se escoitase o mar, porque era o son que eles oían durante as longas travesías. En canto ó off, foi difícil escribir o texto onde resumimos o máis relevante que nos explicaron da emigración e tamén elixir os fragmentos das cartas. Era case imposible conseguir silencio para gravalos.

A rodaxe foi agotadora pero divertida, sorprendente. Houbo momentos máxicos como o plano das maletas no peirao. Non se achegaban as gaivotas, tivemos que poñer pan e conseguimos o noso obxectivo. Foi moi emocionante! Por desgraza, este é un dos planos que perdemos. Tamén andamos ás carreiras, tivemos que correr para poder gravar ó Queen Victoria porque saía en 10 minutos e logo para coller o barco de volta a casa. O plano da sala de embarque da Estación marítima pareceunos especial porque hai moita diferenza en velo agora baleiro e silencioso e antes cheo de emigrantes apenados.Na montaxe foi moi difícil decidir entre uns planos e outros. Tiñamos uns 50! Tivemos a sorte de poder ir rodar de novo despois de montar para recuperar algúns que perdemos. Ó final como o noso documental era moi longo, houbo que recortar varios planos.Coa nosa experiencia en Cine en curso aprendemos:

  • A traballar en grupo. Cooperando, tomando decisións por consenso, imos mellorando entre todos e todas.
  • A confiar nas nosas posibilidades e pensar que podemos facer cine sendo uns nenos.
  • A ter paciencia, saber esperar, escoitar, ver.
  • A sentir emocións retratando ás persoas, empatizando con elas, dándolle valor ó cotiá.
  • A observar o cine dende outro punto de vista, valorando o esforzado traballo dos equipos de cine e fixándonos en como foron rodadas as películas.

Para despedirnos, queremos agradecer a Cine en curso esta oportunidade, ás profes por axudarnos, a Ángel por acompañarnos en todo o proceso e a todas as persoas que colaboraron connosco.

IES Plurilingüe Fontem Albei (Fonsagrada)

Presentación de "O camiño do tempo" no Cgai

Tallers Documentals

En O camiño do tempo intentamos reflexar a través dun percorrido como é o noso entorno: lugares, xente, animais, beleza da natureza e a paisaxe, tranquilidade.

Filmamos o día a día da xente que vive aquí, mostrando os contrastes existentes entre as distintas formas de vida: xente nova e xente maior, xente que viviu sempre na Fonsagrada e xente que veu doutros lugares a vivir ao noso concello, aldeas abandonadas e aldeas rehabitadas, etc. Contraste de sensacións entre a nostalxia e a soidade dalgúns pobos e retratados en comparación coa actividade e compañía dos animais doutros lugares e retratados.

Eleximos estas tomas e a construción das mesmas, seguindo un itinerario, e tendo en conta a representatividade das persoas e lugares filmados.

REFERENTES CINEMATOGRÁFICOS

Inspirámonos en Diary I 1973-1977 de David Perlov para rodar a toma da ventá de Romeán onde retratamos a Antonio. Tamén nunha toma de Perfiles campesinos: la vida moderna de Raymon Depardon para rodar a última toma de Ines regresando coas cabras. Ademáis inpirámonos nunha escena de París de Oliver Laxe para filmar a última toma de Antonio, na que aparece en primeiro plano e a aldea de Romeán ao fondo. En La Ville Louvre de Nicolas Philibert para retratar a toda a xente. Para facer o retrato de Amelia inspirámonos especialmente en Daguerrotipos de Agnès Varda. Inspirámonos en Bread Day de Dvortsevoy para filmar as escenas cos animais. Por exemplo, cando se filmaron as toma da vaca Careta ou dos cabalos de Vanja e Rubén, tívose que gravar durante bastante tempo e grazas a isto ocorreron cousas inesperadas, como que a vaca Careta se acercase tanto á cámara. Isto mesmo ocorre en Bread Day co plano da cabra que chama ao macho e éste aparece pola ventá. Arraianos de Eloy Enciso es un claro referente en nuestro documental.

CONCEPCIÓN

A concepción de O camiño do tempo está no traballo dos planos do mundo da Fonsagrada (diarios de espazos, retratos e travellings) desenvolto durante todo o curso. Está formulada como unha viaxe, un itinerario en movemento, visitando moitos lugares e abarcando o extenso territorio da zona da Fonsagrada. Este itinerario fíxose ao longo do día, ata chegar ao final da película co atardecer en Vilafruxilde.

RODAXE

Durante a rodaxe de O camiño do tempo houbo momentos inesperados sobre todo cos animais, como o primeiro plano da vaca Careta, os cabalos de Vanja e Rubén.

Chamounos a atención a reacción dos retratados ante as cámaras, especialmente no caso de Antonio ou Donino, este último falou máis do habitual. E sorprendeunos a naturalidade dos retratados ante a cámara.

MONTAXE

Estivo baseado no itinerario feito.

Foi complicada a elección dalgúns planos como as tomas de Antonio en Romeán, as tomas das vacas de Rubén e sobre todo a hora de montar o son. Foi complicado renunciar a algunhas tomas como a do cartel da Fonsagrada.

CONCLUSIÓNS

Aprendimos a ver en xeral, e particularmente, aprendimos a ver as cousas desde un punto de vista de cineasta.

Fomos conscientes da importancia da planificación e da importancia de tomar as decisións entre todos, o traballo en equipo.

CPI Curros Enríquez (Pazos de Borbén)

Presentación de "Mudando lares" no Cgai

Tallers Documentals

Somos alumnos de 6º curso do CPI Curros Enríquez en de Pazos de Borbén, un pequeno pobo de 3.000 habitantes da provincia de Pontevedra.

Para nós é importante o tema da emigración a Brasil: todos temos algún membro da nosa familia, coñecido ou veciño que emigrou a Salvador de Bahía e moitos deles volveron traendo una grande influencia como son as casas indianas que saen na nosa curtametraxe.

Durante o curso fixemos moitos visionados de fragmentos: nos gustaron máis os de Guerin que despois nos serviu en moitas ocasións de inspiración (sobre todo Tren de Sombras); tamén os fragmentos de Mercedes Álvarez e o contacto que tivemos con ela mediante o blog. Todos estos visionados serviron para cambiar a nosa forma de ver as paisaxes (a luz, o son) e permitíronnos coñecer cineastas que non coñecíamos.

Inspiración

O maior referente para o noso proxecto foi Jose Luís Guerin, tanto para a gravación de espacios como de retratos. Guerin, en Tren de Sombras gravaba desde os pequenos detalles nos que non se sabía o que estábamos a ver ata os planos abertos nos que nos ensinaba todo o espacio, (o que fixemos na gravación das casas indianas). Tamén na casa de Ramiro Castro onde sae un can polo pasillo, nos inspiramos nas ovellas deste mesmo fragmento de Guerin

En Innisfree nos fixamos en como facía os retratos, nos que elixía os lugares habituais da xente (a igrexa, o bar…) e os retrataba presentándoos el mesmo. Nós fixemos igual, retratando aos emigrantes retornados na súa casa, no seu lugar de pasar a tarde… e fumos nós os que puxemos voz a súa historia.

Para gravar os interiores das casas nos fixamos moito en como facía Pere Portabella cando gravaba o interior da casa de Lorca en Mudanza. Tamén nos interesou como empregaba o sonido para conseguir movemento e dar unha determinada impresión dun lugar concreto da casa.

Por último temos como referente a Manuel Mozos en Ruínas. Este é un dos nosos fragmentos preferidos nos que nos inspiramos para gravar a nosa casa indiana abandonada, de tal forma que hai algúns planos que sen darnos conta son practicamente iguais aos del.

Proceso de gravación e rodaxe

Antes de gravar visionábamos fragmentos con Ángel (o cineasta) que nos puideran servir de referencia e, moitas veces levábamos capturas de determinados planos para poder recordalas e telas presentes durante a rodaxe. Sen embargo, moitas veces era despois na clase cando nos dábamos conta ao revisar os nosos planos con Ángel, que moitos eran moi parecídos aos que traballáramos de Guerin, Manuel Mozos ou outros cineastas.

Cousas que nos resultaron difíciles: custounos bastante que a xente se deixara gravar. Non os retratados senón aquela xente coa que queríamos ensinar a vida do pobo. Tamén nos costou atopar como dar movemento aos planos das casas, e moitas delas o teñen gracias ao sonido. Resultábanos difícil facer as panorámicas que tiñamos que repetir moitas veces porque ou íbamos moi rápido, ou non era bo  o movemento. Tamén tivemos mala sorte co tempo, e tivemos que cancelar algún día de gravación, aínda que ao final un dos planos que máis nos gusta é o ruído das gotas da chuvia nas galerías da casa de Ramiro Castro que incluso parece que fan música.

Que nos gustou máis: o que máis disfrutamos é o de traballar xuntos, de facer amigos que estando na mesma clase non coñecíamos moi ben. Tamén coñecemos sitios novos nos que non poderíamos ir se non estiveramos gravando a curtametraxe e sorprendeunos moitas cousas que non coñecíamos do noso pobo.

Conclusión do proxecto: estamos moi contentos de chegar ata aquí porque fixemos un grande esforzo e estamos sorprendidos de todo o que conseguimos facer sendo só uns nenos. Aprendimos a valorar as películas de cine, que non pensamos que fora tan complicado facer cada plano e toda a xente que fai falta para gravar. E nos parece importante o que aprendimos traballando coa xente maior coa que conversamos dándonos  conta que hai moitas persoas que teñen cousas interesantes que nos poden contar.

CEIP A Rúa (Cangas)

Rodamos para documentarnos en Cangas

Tallers Documentals

Estes días, durante varias tardes e en pequenos grupos, estivemos rodando no centro de Cangas. Filmamos coa intención de documentarnos e buscar planos que fosen acordes coas ideas visuais do noso documental sobre a emigración.

No porto gravamos a chegada e a partida dos barcos, dos pasaxeiros/as, ós pescadores reparando as redes. Un par de grupos subímonos ó barco que conecta Cangas con Vigo e fixemos varios trávellings que nos encantan. Na alameda de Cangas, rodamos planos da estatua a Félix Soage, un filántropo da nosa vila que emigrou a Arxentina e ,cos cartos que donou, entre outras moitas  cousas, construiuse o palco de música que tamén filmamos. Outro día desprazámonos ata Massó e rodamos nas rochas. Conseguimos gravar uns arroaces!

Xa visionamos algunhas destas gravacións e poden servirnos para o documental. En concreto, hai un travelling dende unha ventá do barco, saíndo do porto de Cangas, que nos lembrou a Guerin, en concreto, ó fragmento das ventás de Guest.

Captura de Guest, de Guerin, á que nos referimos.

O xornal local fíxose eco da nosa rodaxe de documentación:

 

 

 

CPI Curros Enríquez (Pazos de Borbén)

Correspondencia con Mercedes Álvarez

Tallers Documentals

O venres 27 de febreiro tivemos a alegría de que Mercedes Álvarez fixera un comentario ao noso primeiro traballo sobre un fragmento de “El cielo gira”.

Os alumnos estaban moi sorprendidos e emocionados e produciuse un cambio á hora de falar da cineasta. Mercedes pasou a ser unha persoa en abstracto a ser unha persoa que pode ver o que facemos e que interactúa con nós. Foi entón cando xurdiu a pregunta de como sería en realidade Mercedes Álvarez, como sería a súa forma de falar... buscamos en internet e apareceu o programa de Versión Española na que presentaban “Mercados de futuro” e estivemos vendo uns fragmentos.

Esta semana estivemos pensando na clase a nosa resposta ao seu comentario. Todos querían expresar a alegría, sorpresa, nervios e  ilusión que nos facía que leera os nosos traballos. Esto é o que escribimos:

CEIP A Rúa (Cangas)

Ideando o documental

Tallers Documentals

Tra-la lectura do poema de Juan Ramón Jiménez, pensamos en que planos dos que rodamos poderían evocar as sensacións que o poeta intentaba expresar. Viñeron á nosa memoria o plano de Dani na praia, o travelling dende o barco ó solpor de Xaime, o das bateas de Brais e Fabián, o de Fabián tamén en Liméns, o de Héctor coas luces reflectidas na auga do mar…

 

E a partir de aí, desa NADA, cadáver no sepulcro mariño, as ideas xurdiron ó compás das ondas. Imaxinamos...

chove

venta

néboa

un día gris

mar e ceo, horizonte infinito

un porto

un barco saíndo, o solpor

amencer, un barco chegando

a noitiña, reflexos no marA cámara que viaxa: a babor, a estribor. Na popa, a estela do barco, o porto ó lonxe. A Costa da Vela: ceo e mar, a NADA no horizonte infinito.

CEIP A Rúa (Cangas)

Retratos de mirada. Retratos do cotiá.

Tallers Documentals

Co retrato de Elisa aprendemos que non fan falla palabras, que as súas enrugas, os seus ollos, falan por si mesmos.

Retratando ás cociñeiras, probamos varios encadres e, por fin, o elixido, levounos a Depardon, ós seus Perfiles campesiños, ó fotograma do aldeán dándolle de comer ás ovellas: mesma perspectiva, mesmas liñas de fuga.

Fotograma dos retratos da taberna de Guimeráns

Gravamos textos en of co que quixeron compartir con nós. Para a edición, acordamos onde situar o son. Sentímonos moi satisfeitos do resultado.

E seguiremos retratando:

  • sobre todo, persoas maiores, que teñen moita vida e moito que contar

  • retratos de mirada, sen palabras

  • retratos cotiás, do seu día a día

  • serán protagonistas:  ocupando grande parte do plano, colocando a cámara á altura dos seus ollos, elixindo o momento do día, o lugar que identifiquemos con esa persoa

 

IES Plurilingüe Fontem Albei (Fonsagrada)

Espazo de cine en curso

Tallers Documentals

Ao longo das sesións con Marcos Flórez, o noso espazo de Cine en Curso vai tomando forma.

                            

Comezamos escribindo nos nosos cadernos de Cine en Curso todos elementos importantes que aparecían nos visionados tanto das nosas gravacións coma nos fragmentos dos cineastas.

Continuamos marcando en mapas do noso concello os seguintes elementos:

- os lugares desde onde gravamos.

- os lugares filmados.

- os percorridos dos travellings realizados.

 

En cada sesión recortamos e pegamos no noso espazo de Cine en Curso as capturas dos fragmentos dos cineastas e dos nosos vídeos, clasificándoos en diarios de espazos, retratos e travellings. Tamén pegamos algunhas desas capturas no noso caderno de Cine en Curso.

En todas as sesións facemos listados e clasificamos os elementos que aparecen nas nosas gravacións e que poden ser importantes á hora de crear o documental.

 

Pàgines